A Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado ten por obxectivo principal o de crear un Museo Etnográfico que recolla o patrimonio etnográfico de Galicia e máis concretamente da bisbarra do Eume, especialmente do concello de As Pontes de García Rodríguez. Son fins desta Fundación os seguintes:

  • A investigación, estudo, difusión, conservación, defensa e promoción do patrimonio cultural galego en tódalas súas manifestacións e máis concretamente do patrimonio etnográfico da bisbarra do Eume, especialmente do concello de As Pontes de García Rodríguez.
  • O fomento do coñecemento da colección etnográfica do Museo Etnográfico Monte Caxado.
  • A promoción dos valores culturais presentes no patrimonio etnográfico da bisbarra do Eume, especialmente no do concello de As Pontes de García Rodríguez, a través de todo tipo de actividades e eventos de carácter social e cultural.
  • A xeración de vencellos de traballo entre entidades e institucións con semellantes fins, e máis concretamente que centren a súa actividade entorno ao patrimonio cultural etnográfico de Galicia. O desenvolvemento do obxecto fundacional poderá ser realizado directamente pola Fundación ou mediante colaboración con outras entidades, organismos, públicos ou privados, institucións e persoas que contribúan á consecución dos fins fundacionais.

Para a consecución dos fins mencionados anteriormente, a Fundación pode realizar as seguintes actividades:

 

  • Organización de conferencias, exposicións, seminarios, cursiños, talleres, visitas guiadas e outros actos divulgativos relacionados cos seus fins.
  • Establecemento de comisións e grupos de traballo para a realización de estudos, investigacións, proxectos e outras actividades relacionadas co exercicio das súas funcións.
  • Edición de publicacións en calquera soporte sobre temas relacionados cos seus fins.
  • Promoción da doazón de fondos para a súa cesión á Fundación.
  • Fomento das relacións de colaboración con institucións públicas e privadas e outras asociacións, que permitan o mellor cumprimento dos fins da Fundación.
  • Organización de calquera outra actividade sociocultural que o Padroado considere axeitada para o cumprimento dos fins da Fundación.